O Reino Unido convértese no terceiro país con máis mortes no mundo, máis de 26.000
A cifra de mortes pola COVID-19 no Reino Unido ascendeu este mércores ata 26.097, fronte os 21.678 falecementos contabilizados ata onte, despois de que o Goberno comezara a incluír datos de mortos en residencias e domicilios de Inglaterra. Con estas cifras, o Reino Unido convértese no terceiro país con máis falecidos, despois dos Estados Unidos, con máis de 58.000, e Italia, con máis de 27.600.
O ministro de Exteriores británico, Dominic Raab, detallou que as mortes que entran agora nos rexistros corresponden a casos ocorridos entre o 2 de marzo e o 28 de abril, polo que non corresponden a un "incremento repentino".
Italia rexistra máis de 203.000 casos e 27.682 mortos, 323 no último día
En Italia confirmáronse 203.591 casos totais de coronavirus, cun aumento de 2.086 nas últimas 24 horas. Morreron 323 enfermos máis e xa son 27.682 os falecidos con coronavirus. Os casos positivos actuais seguen descendendo cada día e hoxe son 104.657, 548 menos que o martes. Desde o inicio da pandemia curáronse xa 71.252 persoas, segundo os datos difundidos pola Protección Civil.
Actualmente son algo máis de 19.000 as persoas hospitalizadas, e preto de 1.800 as que están en coidados intensivos, un terzo deles en Lombardía, a rexión italiana máis afectada pola pandemia.
O Goberno de Giuseppe Conte abre a porta a que as rexións poidan tomar medidas no proceso de desescalada en función da súa situación sanitaria.
Francia suma 427 mortes nas últimas 24 horas: o total de falecidos ascende a 24.087
Francia rexistrou este mércores 427 novas mortes por coronavirus. O total de falecidos é de 24.087, segundo informou o Ministerio francés de Sanidade. Nun comunicado, o ministerio indicou que desde o inicio da epidemia, o 1 de marzo, rexistráronse 15.053 mortes en hospitais e 9.034 en residencias de anciáns e centros de dependencia.
Foron hospitalizadas 90.753 persoas dende o inicio da pandemia. A día de hoxe 26.834 persoas seguen ingresadas. Con todo, as saídas son superiores ás entradas de pacientes e cóntanse 650 enfermos do virus menos que onte.
Os servizos de coidados intensivos atópanse saturados con 7.303 pacientes ingresados por todo tipo de doenzas, dos cales 4.207 son pacientes con Covid-19, 180 menos que este martes.
Francia deixa en mans dos alcaldes algunhas das decisións clave, como a reapertura das escolas, unha das medidas da desescalada que conta con menos apoio social. Case a metade do país está en contra.
A OMS confirma 2,99 millóns de casos da Covid-19 no mundo
A Organización Mundial da Saúde confirmou hoxe 2,99 millóns de casos da COVID-19 en todo o mundo. O número de falecidos que deixou a pandemia aproxímase aos 205.000.
Nas últimas 24 horas reportáronse 2.500 mortes, o dato máis baixo en trinta días. Isto confirma a tendencia descendente dos falecementos diarios, aínda que as cifras de novos contaxios por xornada se manteñan estables.
Con 1,38 millóns de casos, Europa segue a ser a rexión máis afectada. En segundo lugar, América, con 1,21 millóns. Oriente Medio contabiliza 175.000 e Asia Oriental e Pacífico 146.000.
Por países, Estados Unidos vai á cabeza e xa supera a barreira do millón de casos, mentres que España e Italia se sitúan na liña dos 200.000 contaxios. O Reino Unido, Alemaña, Francia e Turquía superan os 100.000, cifra que tamén está a piques de sobrepasar Rusia.
A cifra de recuperados achégase ao millón, un terzo do total, mentres que os pacientes en estado grave ou crítico subiron ata os 60.000, un 3% do total de enfermos actualmente confirmados. Así o confirman as cifras das autoridades sanitarias nacionais.
Alemaña recomenda non viaxar ata mediados de xuño
Alemaña avanza na reapertura da súa economía. Pero algunhas decisións están causando polémica. Propietarios e traballadores das axencias de viaxes protestaron nun cento de cidades para pedir un programa de rescate. Aseguran que a recomendacion do Goberno de non viaxar a ningún país ata mediados de xuño vai ser a súa ruína.
E os médicos alemáns de Atención Primaria colgaron nas redes sociais fotos espidos para denunciar a falta de máscaras e vestimentas de protección contra o virus.