CRTVG

Buscar

O Reino Unido confirma que imporá corentenas de 14 días para os que cheguen ao país malia as críticas

Publicado o 03/06/2020 22:37
O Reino Unido confirma que imporá corentenas de 14 días para os que cheguen ao país malia as críticas

As autoridades británicas confirmaron xa máis de 39.728 falecidos pola pandemia de coronavirus; entre eles, 359 corresponden ás últimas 24 horas, segundo un novo reconto do Ministerio de Saúde que coincide coa confirmación por parte do Goberno de maiores controis á chegada de viaxeiros.

Segundo cifras oficiais, o Reino Unido rexistrou ata este mércores 279.856 positivos, 1.871 máis que o martes. Durante estas 24 horas, realizáronse case 172.000 probas para detectar posibles casos de coronavirus nun dos países máis afectados pola pandemia en todo o mundo.

A ministra de Interior, Priti Patel, explicou ante a Cámara dos Comúns as medidas para previr a entrada de posibles enfermos e confirmou que a partir de luns a maioría dos viaxeiros deberán gardar unha corentena de 14 días. O incumprimento, advertiu, podería supoñer unha multa de 1.000 libras (máis de 1.100 euros)

A ministra de Interior enfrentouse a un aluvión de críticas de deputados da súa propia formación, o Partido Conservador, que advirten de que están en risco centos de miles de postos de traballo se se poñen trabas aos desprazamentos internacionais durante os meses de verán.

Patel recalcou que o Goberno continúa negociando "corredores aéreos" con países que se consideren "seguros", aínda que avanzou que esas excepcións non entrarían en vigor polo menos ata a semana do 28 de xuño, cando está programado que se revise a efectividade das corentenas.

A viabilidade deses corredores dependerá así mesmo da evolución da pandemia no Reino Unido, o país con máis mortes confirmadas en Europa por COVID-19.

 

Italia informa de 71 novos falecidos na xornada de apertura de fronteiras

Italia rexistrou hoxe 71 falecidos e 321 novos casos de contaxio con coronavirus nas últimas 24 horas, aínda que en doce rexións do país non houbo mortos, segundo os últimos datos de Protección Civil. O número total de mortos desde que se iniciou a emerxencia de coronavirus no país o 21 de febreiro é de 33.601 persoas e os casos totais de contaxio ascenden a 233.836, contando os enfermos, os mortos e os que recibiron a alta.

Máis de dous terzos dos novos casos rexistráronse en Lombardía, a rexión máis afectada pola epidemia, e tamén 29 dos novos falecementos. Protección Civil informou de que 846 persoas curaron respecto ao martes, o cal eleva a cifra total a 160.938 pacientes.

Italia abriu este mércores as fronteiras cos países da Unión Europea sen que os seus cidadáns teñan que gardar corentena e tamén permite xa a mobilidade total polo territorio nacional para tentar reactivar o turismo, tan penalizado polas cancelacións masivas dos últimos meses. "Os turistas europeos xa poden vir a Italia, a visitar o noso país sen corentena. (...) A beleza de Italia nunca estivo en corentena", subliñou o primeiro ministro, Giuseppe Conte, nunha conferencia de prensa.

Francia supera as 29.000 mortes

Francia superou este mércores os 29.000 mortos tras sumar outros 81 falecidos no último día, aínda que a cifra de pacientes hospitalizados e de persoas ingresadas en coidados intensivos continúa diminuíndo. Nun comunicado, o Ministerio de Sanidade indicou que dos 29.021 decesos rexistrados no país desde o inicio da pandemia, 18.671 tiveron lugar nos hospitais e outros 10.350 en residencias de anciáns e centros de día. As autoridades, que indicaron que os datos de falecidos en residencias son do 2 de xuño, anunciaron que a dita cifra se actualizará o próximo 9 de xuño.

Polo momento, unhas 13.514 persoas seguen hospitalizadas por mor da COVID-19; o número segue sendo negativo a pesar de que se rexistraron 250 novos ingresos nas últimas 24 horas. Ademais, outras 1.210 persoas están ingresadas en unidades de coidados intensivos, 43 menos que o día anterior. 

Noticias web

03/06/2020