CRTVG

Buscar

O Reino Unido confina Londres e o sueste do país durante o Nadal

Publicado o 20/12/2020 17:20

Os cidadáns de Londres e do sueste do Reino Unido están obrigados a quedar na casa durante dúas semanas. Pechan as instalacións de lecer e as actividades non esenciais. Imponse, ademais, o teletraballo. A medida aféctallles a máis de 20 millóns de cidadáns británicos.

O Goberno británico endurece así as restricións ante a crise da covid-19, que avanza sen control. A nova cepa detectada do coronavirus no país ten maior capacidade de transmisión. O primeiro ministro, Boris Johnson prohibe, ademais, as reunións no Nadal para frear esta nova variante do virus.

"Os residentes nesas áreas deben quedar na casa salvo limitadas excepcións", explicaba o primeiro ministro. Tampouco poderán reunirse con outras persoas fóra da súa burbulla familiar. Nesas zonas que pasan a nivel 4 pechan as instalacións de ocio e os servizos non esenciais e imponse o teletraballo. Tamén está prohibido viaxar ao estranxeiro e as autoridades pídenlle ao resto da cidadanía británica que o pense ben antes de facer estas viaxes.

Estas severas restricións aplícanse tras a detección no Reino Unido dunha cepa nova de coronavirus asociada cun aumento acelerado de contaxios.

"Unha nova cepa que se propaga significativamente máis rápido", explicaba a primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, e que causou xa máis de 1.000 contaxios. Estas novas restricións entrarán en vigor este domingo e prolongaranse como mínimo ata o 30 de decembro.