CRTVG

Buscar

O Reino Unido comeza os ensaios en humanos dunha posible vacina contra o coronavirus

Publicado o 23/04/2020 20:27
O Reino Unido comeza os ensaios en humanos dunha posible vacina contra o coronavirus

Investigadores da Universidade de Oxford (Reino Unido) comezaron este xoves as probas en humanos para achar unha vacina que combata a COVID-19.

Segundo informou o prestixioso centro universitario, centos de cidadáns presentáronse voluntarios para ser parte do estudo, que comezou hoxe á tarde ao administrarse a primeira dose a unha persoa sa. A outro individuo aplicaráselle unha vacina contra a meninxite, que se usa no ensaio clínico como método de comparación.

Os científicos do Oxford Vaccine Group, o equipo creado con este fin, esperan repetir o proceso con seis voluntarios máis o sábado, e de aquí ao luns aumentará o número de involucrados.

Os expertos coinciden en que a única vía para que o gran número de países que implementou medidas de corentena poida volver á normalidade completa é achar unha vacina contra o novo coronavirus e que esta se poida producir en masa.

Os cálculos do equipo investigador de Oxford son ter en setembro polo menos un millón de doses da vacina que achen, mentres que o Imperial College de Londres espera facer o mesmo con outra que estuda para finais deste ano.

O Goberno británico puxo 20 millóns de libras (22,60 millóns de euros) ao dispor do equipo de Oxford e outros 22 millóns de libras (24,90 millóns de euros) para o proxecto do Imperial  College

En total, espérase que no ensaio clínico liderado por Oxford haxa 1.102 participantes en diferentes laboratorios desta cidade, de Southampton, Londres e Bristol.

Respecto disto, o conselleiro médico do Goberno británico, Chris Whitty, afirmou que a posibilidade de que o traballo da Universidade de Oxford se traduza nunha vacina efectiva e segura que se poida distribuír este ano é "incriblemente pequena".