CRTVG

Buscar

O rei Xoán Carlos anuncia a súa retirada da vida pública dende o 2 de xuño

Publicado o 27/05/2019 21:15

O rei Xoán Carlos abandonará a súa actividade institucional a partir do próximo 2 de xuño, día en que fai cinco anos do anuncio da súa abdicación, segundo anuncia neste comunicado a Casa do Rei. Nel tamén se reproduce a carta que lle enviou don Xoán Carlos a Filipe VI comunicándolle a súa vontade.

Nela asegura que, transcorridos cinco anos desde que deixou a xefatura do Estado, chegou o momento de retirarse da vida pública. O rei Xoán Carlos di que comezou a considerar esta idea o día que fixo 80 anos e que a reafirmou con motivo da conmemoración do 40 aniversario da Constitución española cun acto que cualifica de inesquecible. Di que o encheu de emoción e lle fixo evocar con orgullo e admiración a lembranza de todos os que fixeron posible a transición política.

O rei Xoán Carlos asegura que é unha decisión firme e meditada. A retirada, segundo fontes da Zarzuela, non estaría motivada por ningún problema de saúde. A partir do 2 de xuño non estará en ningún acto da axenda da familia real. De feito, é posible que a retirada xa se fixese efectiva porque desde hoxe e ata esa data non estaba prevista a súa presenza en ningún acto institucional. A decisión non afecta a raíña Sofía, que seguirá mantendo como ata agora a súa actividade pública.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/05/2019