CRTVG

Buscar

O Rei recibe as presidentas do Congreso e do Senado

Publicado o 04/12/2019 12:04

O rei recibirá hoxe á presidenta do Congreso, Meritxell  Batet, e á do Senado, Pilar Llop, un primeiro paso para fixar posteriormente as datas da súa rolda de consultas cos representantes dos partidos para propoñer candidato á investidura como presidente do Goberno.

Felipe VI manterá senllas reunións con Batet e  Llop no Palacio da Zarzuela para que, como é habitual, lle comuniquen oficialmente a constitución das novas cámaras parlamentarias na XIV lexislatura, que tivo lugar este martes.

O encontro con Batet foi fixado para as 11:00 horas, mentres que o xefe do Estado recibirá a  Llop unha hora máis tarde, ás 12:00.

A presidenta do Congreso debe entregarlle ao rei unha listaxe coas formacións políticas que están representadas na cámara, e aínda que habitualmente se fai nesta primeira reunión, noutras ocasións, como ocorreu tras os comicios de abril, deixáronse pasar varios días.

Con esa listaxe, Zarzuela fixa as datas da rolda de consultas do rei para propoñer un candidato á investidura, unha rolda que se desenvolve en orde de menor a maior representación parlamentaria.

En principio, as datas que se barallaron para ela foron as do 10 e o 11 de decembro, xusto despois da próxima fin de semana e antes de que o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, viaxe o día 12 a Bruxelas para participar nunha reunión do Consello Europeo.

Pero aínda non hai confirmación oficial e, ademais, para entón Sánchez podería non ter asegurada a súa investidura se ERC sigue rexeitándoa e o Executivo en funcións xa avanzou que non irá a unha investidura errada.