CRTVG

Buscar

Batet comunícalle ao Rei a lista dos interlocutores para a rolda de consultas

Publicado o 04/06/2019 08:59

Primeiros pasos para a sesión de investidura. A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, entrégoulle ao rei Filipe VI os nomes das persoas que acudirán á rolda de consultas co monarca.

Exactamente, 15 nomes, un por cada partido que sacou escano o 28 de abril e coas xa clásicas ausencias de Esquerra Republicana e Bildu. Ata última hora, Junts Per Cat intentou que acudise no seu nome o encarcerado Jordi Sánchez, pero o Tribunal Supremo non lle deixou. Filipe VI é agora quen ten que decidir cando comeza esa rolda de consultas. Todo apunta a que será esta mesma semana. Só despois, saberemos se Pedro Sánchez recibe o encargo de intentar formar goberno.

A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, entregoulle a Filipe VI os nomes das persoas designadas polos partidos para participaren na rolda de consultas previa á investidura. Non acudirán as 17 forzas que, soas ou en coalición, acadaron escano o 28 de abril: Esquerra Republicana e Bildu non recoñecen o monarca. Si irá Junts Per Catalunya, pero non representado por Jordi Sánchez. O Tribunal Supremo denegoulle o permiso para abandonar a cadea con ese fin. Os independentistas enviarán no seu lugar a voceira no Congreso, Laura Borràs.

Agora é a Casa Real quen ten que deseñar o calendario. Filipe VI liberou a súa axenda para toda a semana, o que fai pensar que será inmediato. As entrevistas comezarán co único deputado do Partido Rexionalista de Cantabria e rematarán con Pedro Sánchez. Da información que saque desas consultas dependerá que o monarca encargue a algún candidato que intente formar goberno.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/06/2019