O Rei preside a Ofrenda ao Apóstolo nun 25 de xullo que volve reunir o Real Padroado de Santiago
• A ofrenda regresa á catedral, despois de dous anos | Este domingo farase entrega das Medallas de Galicia 2021 ao persoal sanitario que compón o dispositivo de vacinación fronte á covid

Os monarcas accederon á praza do Obradoiro este mediodía, acompañados das súas dúas fillas, Leonor, a princesa de Asturias e a Infanta Sofía, para presidir a ofrenda ao Apóstolo. Tamén os acompañou a vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño.
Despois saudaron a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas, o delegado do Goberno, José Miñones, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o xefe do Estado Maior da Defensa, o almirante xeneral Teodoro López Calderón.
Pouco despois das doce puido verse como os avións caza da Patrulla Águila debuxaban as cores da bandeira española no ceo compostelán.
Ata o Obradoiro desprazáronse centos de persoas que fixeron ringleiras dende primeira hora da mañá. A ofrenda ao Apóstolo regresa á catedral despois de dous anos, xa que tivera que trasladarse á igrexa de san Martiño Pinario por mor das obras de restauración no interior da basílica. O encargado de oficiar a misa ás 12:30 h, é o arcebispo Xulián Barrio.
Reunión do Real Padroado de Santiago
Ás cinco da tarde terá lugar a reunión do Real Padroado de Santiago, unha cita que non se celebraba dende o 2003. Ademais do xefe do Estado, Sánchez, Feijóo e Bugallo, asistirán a vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, e o ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, xunto coa de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría. As administracións presentes acometerán un plan de actuacións para a cidade referido ao período 2021-2032.
Entrega das Medallas de Galicia
Este domingo farase entrega das Medallas de Galicia 2021 ao persoal sanitario que compón o dispositivo de vacinación fronte á covid. O rei Filipe VI e o presidente do Goberno asistirán ao acto que terá lugar a partir das seis e media da tarde no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.