O Rei inaugura o II Foro A Toxa: analistas de primeira liña proporán as fórmulas para superar a pandemia
O Rei volve acudir á chamada dos organizadores para inaugurar o simposio, desta volta xunto co xefe de Estado de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, aos que vai recibir o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Tamén repiten Felipe González e Mariano Rajoy, que na anterior edición protagonizaron un coloquio sobre España.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, será o encargado de pechar o foro, pero ata o sábado van pasar pola Toxa, entroutros relatores, o gobernador do Banco de España, o vicepresidente da Comisión Europea, presidentes autonómicos, líderes das patronais e executivos das grandes multinacionais españolas. O obxectivo, facer un diagnóstico pospandemia e buscar as claves da reconstrución.
O presidente de Hotusa, promotor do foro, agradece que este manteña o carácter presencial, combinado co telemático.
Josep Piqué, presidente do Foro A Toxa, confía en que este espazo de análise remate con algunhas das receitas para superar a crise da covid-19.
Os empresarios analizan os retos en plena pandemia
Os empresarios falan dun escenario complicado sen caer no pesimismo.
Antonio Garamendi, presidente da CEOE: "Van caer empresas? Si. Nós calculamos que unhas trinta mil. Pero iso significa tamén que hai unha oportunidade para crear novas. A vantaxe que temos é que esas empresas están nunha situación mellor que na anterior crise"
Din que sofren por unha crise sanitaria que infectou a economía. E que a súa medicina, protexer o emprego con ERTE e invernar empresas, está dando resultados. Piden mantela, con especial atención aos sectores máis vulnerables.
Quedan preto de oitocentos mil empregos en ERTE. Saben que haberá que adecuar esta ferramenta á evolución da pandemia. E chaman á responsabilidade de todos.
Antonio Garamendi, presidente da CEOE: "Non podemos pechar outra vez o país. Porque as empresas loxicamente no paso dos días sen facturación realmente estarían nunha situación moi complicada".
E chaman á responsabilidade de todos.
Un foro adaptado á covid-19
A Covid obriga a que o foro teña un formato mixto, con conferenciantes que asistirán de forma presencial como Mariano Rajoy ou Felipe González e outros que farán a súa intervención a través da Internet, como Luis de Guindos ou o ex-primeiro ministro italiano Enrico Letta.
Os asistentes entrarán xusto por aquí respectando as medidas de seguridade e accederán ao interior do salón que está ás miñas costas. A ocupación está reducirda ao 75%, con 120 personas como máximo no interior.
Hai 150 xornalistas acreditados. A diferenza do ano pasado, nesta edición só estarán de forma presencial os medios españois e portugueses. Os xornalistas internacionais terán que seguir o cumio a través da Internet.