O Foro La Toja reúne ata o venres políticos, empresarios e expertos internacionais
O Rei repite a súa presenza neste foro, unha cita marcada dende hai tres anos na súa axenda. Porque A Toxa xa se consolidou como un punto de encontro para reflexionar sobre os retos da actualidade. Nin sequera a pandemia evitou o ano pasado que se celebrara este evento, que en palabras dun dos seus organizadores, Josep Piqué, naceu "como unha cea de amigos", e xa reúne xestores e pensadores de renome internacional.
Un deles é Ángel Gurría, exsecretario xeral da OCDE, que hoxe vai recibir o primeiro premio do Foro La Toja polas súas reflexións. Ángel Gurría, exsecretario xeral da OCDE: "Coas vacinas ven a posibilidade dunha maior recuperación económica, pero vaise prolongando. Hai unha oportunidade para reconstruír mellor".
Outra cita xa habitual e agardada no Foro é o encontro entre Felipe González e Mariano Rajoy, unha fórmula de éxito en que os expresidentes debaten en ton distendido sobre asuntos do presente, e do pasado.
Tamén se repite o encontro entre presidentes autonómicos de distintos partidos. Núñez Feijóo e Fernández Mañueco debaterán con Puig e García-Page sobre financiamento autonómico. De economía tamén falarán a vicepresidenta Nadia Calviño, o gobernador do Banco de España, o presidente da CEOE e directivos de Iberdrola, Abanca ou Renault. A máxima representación de Portugal correrá a cargo do seu primeiro ministro, que pechará co presidente do Goberno esta terceira edición do Foro La Toja.