O rei Xoán Carlos paga 678.393 euros a Facenda para evitar un xuízo
O rei emérito presentou unha declaración tributaria sen requirimento e pagou 678.000 euros a Facenda para regularizar a súa situación fiscal. Xoán Carlos I, investigado pola Fiscalía, admite que manexou fondos sen declarar ao fisco. No Goberno, o presidente Sánchez di que é un asunto persoal que hai que desligar da institución.
A través deste escueto comunicado, o avogado do rei emérito comunicaba onte á tarde que don Xoán Carlos saldaba a súa débeda con Facenda ao presentar unha declaración complementaria sen requirimento previo por 678.000 mil euros, incluídos intereses e recargos. O letrado reitera que Xoán Carlos de Borbón continúa a disposición do ministerio fiscal para calquera trámite ou actuación que considere oportunos.
Esta regularización, que fai para evitar a apertura dunha causa xudicial, non está relacionada con bens no estranxeiro senón co uso por parte de Xoán Carlos I e algúns familiares seus de tarxetas bancarias con fondos opacos dun empresario mexicano que está sendo investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo.
Esta regularización eximiría o emérito de delito fiscal pero non doutro posible delito aparellado ao uso ou á orixe deses fondos opacos. Se se destapasen máis fondos non declarados ao fisco, esta regularización quedaría anulada.
Reacción no Goberno: o presidente Pedro Sánchez pide chegar ata o final pero tamén distinguir a persoa da institución.
O Partido Popular manifesta o seu respeto pola decisión do rei emérito e reivindica o seu legado como artífice de democracia española.
Ciudadanos tamén din que Xoán Carlos I fixo un gran servizo por España pero censuran este último paso. En palabras do voceiro Edmundo Bal, a declaración voluntaria reflicte que mantivo oculto un diñeiro de dubidosa procedencia. E engade "é unha conducta moralmente reprobable".
En Unidas Podemos, Pablo Echenique asegurou en twitter que eses 678 mil euros corresponden a 51 anos de salario mínimo. E engadía: "Só un dos pufos que ten. E os que terá e non sabemos. Vaia vergoña internacional".
Para VOX, o executivo está facendo un uso político da declaración do rei e asegura que son prácticas que se xeraron despois da abdicación.
A prensa tamén se fai eco da suposta volta a España para o Nadal que estaría planeando Xoán Carlos de Borbón, tras esta regularización tributaria, sempre e cando o Goberno e a Casa Real estivesen de acordo.