CRTVG

Buscar

O Rei de Marrocos zanxa a crise con España para abrir unha etapa "inédita" nas relacións

Publicado o 21/08/2021 17:51

• Sánchez cre que se abre unha oportunidade para redefinir as relacións

O rei de Marrocos, Mohamed VI púxolle fin este venres á crise diplomática con España cun inesperado discurso. Nunha alocución o monarca declarou que está "comprometido na construción de relacións sólidas, construtivas e equilibradas" e que desexa abrir unha nova etapa "inédita" na relación con España.

A crise diplomática aberta a mediados de maio, a maior dos últimos anos entre os dous países, tras a hospitalización en Logroño do líder da Fronte Polisaria, Brahim Gali e a posterior entrada de case 10.000 marroquís en dous días en Ceuta, moitos deles menores, quedaría así pechada polo monarca alauí.

Asegurou Mohamed VI no discurso pola festa da Revolución do Rei e do Pobo que quere inaugurar unha etapa "inédita" nas relacións entre os dous países veciños, que se debe basear na "confianza, a transparencia, a consideración mutua e o respecto dos compromisos".

"Con sincero optimismo, expresamos o desexo de seguir traballando co Goberno español e o seu presidente, Pedro Sánchez, coa fin de inaugurar unha etapa inédita nas relacións entre os nosos dous países" dixo o monarca, no primeiro comentario público que realiza sobre a grave crise diplomática. Con anterioridade en xullo no discurso do aniversario da súa entronización non lle dedicou nin unha palabra á cuestión.

O rei Filipe VI tamén buscou a recondución do conflito e nunha carta dirixida ao monarca de Marrocos en xullo e que fixo pública a axencia de noticias marroquí expresáballe a Mohamed VI no aniversario da súa chegada ao trono "os mellores desexos de saúde e de prosperidade para o querido pobo marroquí no seu nome, no do Goberno e no do pobo españois".

Nas últimas semanas xa se percibiron sinais de distensión, pero poucos agardaban unha aposta tan clara e directa de Mohamed VI por renovar o entendemento con España. O cesamento da anterior ministra, González Laya á que a prensa oficialista marroquí sinalaba como principal responsable do conflito, e os xestos do Goberno español desde o nomeamento de José Manuel Albares como novo ministro de Exteriores para reconducir a crise serían para Marrocos o detonante para a nova situación.

Noticias web

21/08/2021