CRTVG

Buscar

O rei dálles tempo aos partidos e non vai iniciar, polo momento, novas consultas

Publicado o 26/07/2019 13:45

O rei non iniciará "polo momento" novas consultas cos partidos tras a investidura fracasada de Pedro Sánchez e dá tempo para constatar se máis adiante é posible propoñer un candidato que conte cos apoios necesarios ou, do contrario, convocaríanse novas eleccións.

Esta decisión do rei foi feita pública nun comunicado da Casa Real difundido tras a reunión que o xefe do Estado manitvo no Palacio da Zarzuela coa presidenta do Congreso, Meritxell Batet, e na que esta lle comunicou oficialmente o resultado da investidura de Pedro Sánchez.

Filipe VI trasladou a Batet que non iniciará novas conversas cos dirixentes políticos e estará en contacto "regular e permanente" con ela. "En todo caso, e antes de que finalice o prazo constitucional de dous meses desde a primeira votación de investidura, a súa maxestade o rei realizará novas consultas", engade o comunicado.

Unhas consultas coa finalidade de constatar se, da disposición que lle trasladen os representantes dos grupos políticos con representación parlamentaria, pode propoñer un candidato que conte cos apoios necesarios ou, do contrario, se convocarían novas eleccións.

O prazo límite para a elección dun presidente e, en consecuencia, evitar a convocatoria de nvoos comicios, é o 23 de setembro, xusto dous meses despois da primeira votación da investidura frustrada de Pedro Sánchez.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí