CRTVG

Buscar

O Rei continúa hoxe a rolda de consultas sen visos de acordo de investidura

Publicado o 17/09/2019 09:28

Na rolda de consultas hoxe con Filipe VI é a quenda dos partidos maioritarios. Iglesias anunciou que lle vai pedir ao Rei mediación entre Unidas Podemos e o Partido Socialista, pero o monarca xa lles adiantou aos voceiros doutros grupos que o seu papel constitucional se limita a escoitar e propoñer. A xornada ven marcada ademais polo xiro de última hora de Albert Rivera ofrecéndolle unha abstención a Sánchez a cambio dalgunhas condicións.

Albert Rivera saíu con semblante serio dunha reunión de dúas horas co líder do PP. Non hai, de momento, declaracións públicas de Pablo Casado, pero os populares adiantan que non ven novidade ningunha nas condicións que pon Rivera para desbloquear a investidura.

Os socialistas explican nun comunidado que non existe ningún pacto con Bildu que desfacer en Navarra, e di que a posición constitucionalista do PSOE e a súa política tributaria non contradín as peticións do líder de Ciudadanos.

"Na súa proposta vemos que non hai razóns para que non dean unha abstención, técnica, non lle pedimos ningún tipo de apoio", dixo o presidente do Goberno en funcións.

Mentres nas reunións de onte, os partidos minoritarios cualificaban a proposta de Ciudadanos como unha operación electoral á desesperada. Expresaban a súa vergoña pola incapacidade de acordar e explicaban que o Rei non parece disposto a aceptar a mediación que Iglesias pensaba propoñerlle hoxe.

A portavoz de Galicia en Común, Yolanda Díaz, explicou que se absterán se non hai acordo e pediulle ao PSOE que non defraude os seus votantes cun pacto coa dereita.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/09/2019