CRTVG

Buscar

O rei asina o nomeamento de Sánchez tras comunicarlle Batet a investidura

Publicado o 07/01/2020 18:33

Filipe VI asinou esta tarde o real decreto co nomeamento de Pedro Sánchez como xefe do Executivo, unha vez que a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, lle comunicou formalmente a súa investidura ao lograr a maioría requirida no Congreso. Tres horas despois da votación en que Sánchez obtivo o apoio da Cámara Baixa, Batet desprazouse ao palacio da Zarzuela, onde a recibiu o rei no salón de audiencias.

Batet acudiu cunha carpeta granate e, tras intercambiar unhas palabras co xefe do Estado, ambos posaron ante os medios gráficos antes de acceder ao despacho do monarca. Na audiencia, a presidenta do Congreso informou a don Filipe do resultado da votación definitiva, en que Sánchez obtivo 167 sis, 18 abstencións e 165 votos en contra.

En virtude do artigo 62 da Constitución, que define as competencias do rei para propoñer e nomear ao presidente do Goberno, o monarca asinou o real decreto, co referendo de Batet. Tras a publicación do decreto no Boletín Oficial do Estado (BOE), Sánchez xurará ou prometerá o seu cargo ante o xefe do Estado, previsiblemente mañá, en Zarzuela, aínda que é a Casa do Rei a que debe concretalo.

Sánchez xa prometeu o seu cargo de presidente ante o rei o 2 de xuño de 2018 cando prosperou a súa moción de censura contra Mariano Rajoy. Foi a primeira vez en democracia que saía adiante unha moción de censura e que un presidente do Goberno non era deputado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/01/2020