CRTVG

Buscar

As Cortes quedan disoltas e convócanse novas eleccións

Publicado o 24/09/2019 19:24

O Boletín Oficial do Estado publicou este martes o decreto de disolución de Cortes e de convocatoria electoral para o 10-N. O decreto publicouse despois de que a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, acudise ao Palacio da Zarzuela para que o Rei o asinase.

Desta maneira, as cámaras quedan disoltas e pasarán 47 días ata as eleccións do 10 de novembro que terán, como estipula a lei en caso de repetición electoral, unha campaña máis curta, concretamente dunha semana, e cunhas subvencións aos partidos reducidas á metade. 

"A decisión recae agora de novo nos españois, ante os que imos render contas todos da nosa actuación nestes meses. O que non é desexable é o bloqueo institucional, pero se para evitalo hai que ir de novo ás urnas nunca será unha mala solución a que consista en que a cidadanía elixa os seus representantes", asegurou Meritxell Batet, presidenta do Congreso.

O artigo 99 da Constitución establece que se pasados dous meses da primeira votación de investidura -que se produciu o 23 de xullo-, ningún candidato é investido, o Rei disolve, previa sinatura do decreto, as Cortes e convoca novas eleccións co referendo da presidenta do Congreso. Onte, luns, cumpriuse ese período e ao día seguinte, polo tanto, correspondía a disolución das Cortes.

As Cortes Xerais da próxima lexislatura constituiranse o 3 de decembro, tal e como figura no real decreto de convocatoria electoral que se publicará este martes no BOE. A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, concretou a data da sesión de constitución do Congreso e do Senado da lexislatura que arrincará tras as eleccións xerais do 10 de novembro. Comezará a sesión en ambas as cámaras ás 10.00 horas do 3 de decembro.

Batet, ademais, precisou que non hai cambios no número de deputados a elixir nas circunscricións, en comparación co establecido nas pasadas eleccións xerais do 28 de abril.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/09/2019