O refuxio de Cambados, cheo de cans e gatos, ao límite da súa capacidade
A responsable do refuxio de animais de Cambados atopou este martes á mañá un can no medio da estrada á altura da ponte de Castrelo. Aparentemente está ben coidado, pero non ten o microchip que é obrigatorio e facilitaría moito a localización do propietario. "Supoñemos que estaba nunha leira e que escapou esta noite coa tronada. Supoñemos que é da zona de Sisán, Ribadumia, Castrelo ou Cambados. E ao non ter microchip non podemos devolvelo á casa", asegura Olga Costa, directora do refuxio de animais.
Se non aparecen os donos, quedará aquí, como estoutro que foi abandonado o sábado pola noite nun monte das proximidades. En total hai medio cento de cans nun refuxio con capacidade para acoller 45. "En Cambados notouse a pandemia. Co peche perimetral estivemos moi ben, non había abandonos pero así que se levantou volvemos encher o refuxio. A xente móvese, traslada os cans dun sitio para outro e abandónaos".
Tamén teñen gatos. Estes participan nun programa de prevención da violencia de xénero promovido pola fundación Érguete no módulo de mulleres da prisión da Lama. Aquí están uns poucos, pero hai case un cento repartido en casas de acollida. "Temos que implicarnos e saber que hai que esterilizar gatos e gatas. É a única forma de evitar o abandono masivo de animais na rúa. E ser moi conscientes do que temos na casa: que os cans e os gatos sofren e padecen coma nós", conta Olga.
Chama á responsabilidade ante a apertura dunha nova tempada de caza.