CRTVG

Buscar

O refuxio de animais de Santiago, saturado polo abandono de gatos

Publicado o 12/06/2019 14:03

Empregados do refuxio de animais de Santiago atoparon este luns dezaseis gatos abandonados na porta: cinco nais e 11 gatiños que acabaron por desbordar a capacidade destas instalacións, xa saturadas.

En total acollen 150 cans e 135 gatos. O problema é que este refuxio, en funcionamento desde o ano 2005, fíxose nunha época en que non había tantos gatos abandonados. 

Alejandra Abalo, veterinaria do refuxio de Bando-Santiago: "É unha especie felina e necesita saltar, correr e non podemos ter os gatos libres, teñen que estar nun espazo pechado. Temos unha nave habilitada para eles con varias gaiolas e en cada un deses cuartos temos 13 gatos, coa carencia de que non todos teñen saída ao exterior".

Din que acabamos de entrar na época do ano en que se producen máis abandonos. Por iso fan un chamamento á solidariedade para conseguir adopcións responsables ou casas de acollida temporal, sobre todo para as crías. Olalla García, directora do refuxio de animais de Bando- Santiago: "Mentres non se poidan vacinar, o ideal sería que estivesen fóra do refuxio, ata que poidan ir a un fogar definitivo. Tamén precisamos máis alimentos. Hai xente que nos trouxo comida".

Apelan á concienciación e á responsabilidade dos cidadáns. 

Alejandra Abalo, veterinaria do refuxio de Bando-Santiago: "Quen queira un gato, un can, calquera animal de compañía, que o poña nas mans do seu veterinario. Non é tan custoso levalo a esterilizar e evita moitos problemas e, seguramente, máis gastos".

Olalla García, directora do refuxio de animais de Bando-Santiago: "Lembrar que aínda que sexa na porta do refuxio, o abandono dos animais é unha falta grave recoñecida na nova lei de benestar animal, e ten sancións elevadas".

As multas por casos así oscilan entre os 500 e os 5.000 euros.

 

Noticias web

12/06/2019