CRTVG

Buscar

O rebordamento dun río anega dúas vivendas en Guitiriz

Publicado o 25/11/2019 20:23

A chuvia da fin de semana causou a enchente dos ríos en boa parte da Terra Chá. Un dos lugares máis afectados foi Guitiriz, onde o río Parga rebordou e deixou illada unha vivenda. Ademais, a auga causou danos en diferentes pontes ao bater contra elas os toros que arrastraba a corrente.

Estas dúas casas do lugar de Pitero, en Guitiriz, levaron a peor parte da chuvia da fin de semana. O río Parga rebordou e inundoulles as entradas das vivendas. Ademais, a da marxe dereita quedou illada porque a auga cubría a ponte e non dispoñen doutra saída. Á parte da intensa chuvia, os afectados sinalan a maleza e as pólas e toros de árbores que leva o río como causa do anegamento. Din que se amorean nos buratos da ponte de xeito que forman unha presa e a auga sae polos laterais. Son conscientes de que esta situación se pode repetir nas vindeiras horas.

"Medo non pasamos, pero si que impresiona, porque nos chegaba a auga á cintura. A peor parte foi para os meus primos, que quedaron illados. O problema é que o río vai moi sucio e fanse presas".

Ademais de en Parga e Guitiriz, tamén se viviron momentos de apuro por causa da chuvia durante a fin de semana nos concellos de Rábade e Begonte. Agora, os veciños da Terra Chá xa se preparan para recibir o temporal de auga que está previsto que chegue nas vindeiras horas.

Noticias web

25/11/2019