CRTVG

Buscar

O Real Padroado aproba un plan estratéxico para Santiago de máis de 280 millóns

Publicado o 25/07/2021 21:16

O Real Padroado volveu reunirse no Hostal dos Reis Católicos despois de dezaoito anos. Durante a súa intervención, Filipe VI puxo como exemplo de coordinación esta xuntanza en que participan o Goberno Central, a Xunta, o Concello, a Igrexa e a Universidade. O monarca gabou o traballo conxunto de todas as administracións que quedou plasmado nun plan de actuacións ata o ano 2032 para converter Santiago na "Compostela do Século XXI".

"Quero agradecer o xesto, o contido e o alcance da estratexia para o período 2021-2032 cun fortísimo investimento comprometido que non vou citar por respecto á ministra de Facenda. Sen dúbida, é un bo exemplo de cooperación entre institucións e altura de miras unidos todos por esta cidade e por unha serie de proxectos que deben arrancar este mesmo ano", manifestou o presidente da Xunta.

Pedro Sánchez quixo subliñar o compromiso do Goberno central co Xacobeo e coa promoción internacional do Camiño de Santiago. "O Goberno de España está profundamente involucrado no bienio do Xacobeo. O Camiño de Santiago é motor económico e a visualización da propia cidade, de Galicia, de toda España, e na súa promoción internacional debemos traballar, como ben dixo o presidente, unidos. A colaboración institucional entre administracións de distinto signo é posible, sostense ao longo do tempo e penso que os resultados son extraordinarios", asegurou.

Cun investimento superior aos 280 millóns de euros, o plan estratéxico vertébrase arredor de tres grandes proxectos. O primeiro pretende reordenar os espazos perimetrais da zona histórica. O máis ambicioso prevé a creación dun centro loxístico de distribución robotizado na parte vella. E o terceiro aspira a crear produtos culturais ligados ao patrimonio.

Noticias web

25/07/2021