CRTVG

Buscar

O Real Madrid remonta ante o Éibar no Santiago Bernabéu

Publicado o 06/04/2019 20:07

Á espera da revolución que se agarda para a vindeira temporada, o Real Madrid transita por esta recta final de liga intentando cubrir un expediente que se lle está a facer longo e con moitos obstáculos. Alterna fases de indolencia con outras nas que, cando menos, intenta cumprir con profesionalidade o difícil papel que lle toca vivir xa desde hai varias semanas.

O Éibar foi a vítima do arranque de dignidade que tiveron os de Zidane no segundo tempo, cun Benzema autor de dous goles legais, dous anulados e acaparador das oportunidades do seu equipo. A primeira metade foi un desastre total dos brancos. O equipo guipuscoano controlou sen problemas o encontro neses primeiros 45 minutos.

E ao descanso chegouse con vantaxe, máis que xusta, para os de Mendilíbar. Cardona culminou unha bonita xogada entre Cucurella e Escalante no minuto 39 para situar no marcador un cero a un que provocou a bronca dos afeccionados a un equipo, o Real Madrid, que antes do descanso non disparou nin unha soa vez a porta e que cometeu só unha falta. Case unha perfecta difinición da indolencia.

Pero na reanudación o Éibar, tras a lesión de Ramis, non mantivo o mesmo ritmo. E Benzema acudíu ao rescate. Tras un gol anulado por unha situación moi xusta de fóra de xogo, o francés logrou empatar no minuto 59 logo dun centro de Asensio. O tanto certificaba a melloría madridista. Sen grandes alardes, iso sí, os brancos comezaron a facer méritos para voltear o resultado. E no minuto 81, Benzema facía o definitivo dous a un. Neste caso, o centro foi de Kroos.

De aí ao final, o nove do Madrid gozou e ata tres ocasións claras para asinar un hat trick, pero non estivo acertado nalgunha delas, e noutra o pau evitou o gol. En calquera caso, triunfo para os de Zidane, evitando que a bronca do descanso se extendera ao final do partido.

Noticias web

06/04/2019