O Rácing de Ferrol celebra os seus cen anos recordando a final de copa de 1939
Esta tarde cítanse o fútbol e a historia. Amigable en Ferrol. Rácing-Sevilla. O Rácing fai cen anos de vida. Con vinte disputou a final de Copa no final da Guerra Civil. E o rival foi o Sevilla.
1939 empezou en Barcelona coa entrada das tropas do xeneral Franco. Ao acabar a guerra, disputouse a Copa de España, con final na capital de Cataluña. Neste buque de guerra, o Navarra, viaxou o Rácing para disputar a semifinal contra o Barakaldo Oriamendi. Unha semana despois este equipo xogou a final contra o Sevilla.
"Tiñamos a Alberti, do Real Madrid; a Edelmiro, do Español; a Caliche, do Oviedo... Eran xogadores que, unha vez xogado o partido, tiñan que volver aos seus equipos de orixe", di Fran Serantes, coleccionista.
Tras a final, amplo despregamento gráfico na prensa deportiva e unha foto para a polémica. "Moreno, Basterrechea, Manuel Rivera e Silvosa aparentemente co brazo en alto ao estilo da moda política de entón. Realmente, estaban facendo a broma de que pola mañá en Barcelona chovera", conta Jorge Deza, Historiador do Racing de Ferrol.
Noutro xornal, a portada foi para a máxima autoridade presente na final. "Aquí vemos o xeneral Moscardó entregando a copa de campión ao capitán do Sevilla. Esta é a única final na historia do campionato de España que non foi presidida polo xefe de Estado. Franco neses días estaba de visita en Galicia", conta Jorge.
Esta é a última peza que entrou na súa colección. "O valor da entrada hoxe en día pode rozar os 250-300 euros, tranquilamente. Un dato curioso porque no seu día o prezo que tiña foi unha peseta", di Fran Serantes.
O último supervivente foi Yurrita, o porteiro suplente. Homenaxeouno o club pouco antes de morrer. Agora a memoria do máis glorioso Racing custódiase nos libros de historia.