O Racing de Ferrol celebra o seu centenario
O 5 de outubro de 1919 fundábase o Racing de Ferrol, un dos históricos clubs galegos. No 1939, os ferroláns disputaban a final da Copa de España contra o Sevilla, que perderan por 6 a 2. Este xoves, rememorando aquela final histórica, xogarán un amigable contra o Sevilla de Lopetegui. Durante esta semana recordaremos fitos históricos do Rácing de Ferrol.
O campo da Graña é un dos máis antigos de España. Un día do mes de novembro de 1892 xogouse aquí o primeiro partido de fútbol da historia de Ferrol. No barrio de Esteiro, 27 anos despois, fundouse o Racing Ferrol Fútbol Club.
Jorge Deza, historiador do Racing de Ferrol: "Ferrol tiña moitísimos equipos. Á altura de 1918-1919 tiña polo menos 30 ou 40 equipos, que é unha barbaridade. Pero faltaba ese equipo federado, ese equipo importante que si tiñan A Coruña, Vigo e Pontevedra. O Faro de Vigo recolle que chegan noticias desde Ferrol de que o Racing e o Ferrol se fusionaron para facer máis forte o fútbol na cidade de Ferrol".
Pouco despois da fundación, o Racing mudouse ao campo do Inferniño, despois coñecido como Manuel Rivera. En 1993 xogou alí o seu último partido e cambiouse á Malata. Agora é unha das prazas máis coñecidas da cidade.
Jorge Deza, historiador do Rácing de Ferrol: "Por aquí pasaron os mellores equipos do fútbol español en competicións oficiais: o Madrid, o Barcelona, o Athlétic de Bilbao, Atlético de Madrid, Valencia, Sevilla, Deportivo e Celta. Aquí estivo a piques de ascender á Primeira División varias veces. Hai mesmo entradas de case 20.000 espectadores nun campo en que cabían 8.000".
Do Inferniño, saíron os "diablos verdes", alcume usado pola prensa vasca en 1928. Esta foto rescatouse da trastenda deste local do centro, sede do club nos anos 30, gloriosos para a entidade.
Jorge Deza, historiador do Racing de Ferrol: "O Racing gañou dous campionatos galegos na época da Guerra Civil. Galicia foi practicamente a única zona de España en que se mantivo a competición, xa que o campionato galego se seguiu xogando nesa época. O Rácing gañou dous campionatos, antesala do subcampionato de España do ano 39".
Jorge Deza escrbiu xa tres libros sobre o Racing. Publicará dous máis para completar os 100 anos de historia do club ferrolán.