A fiscalía irlandesa abre unha investigación contra o Punta Candieira por pesca ilegal
A Policía e a fiscalía irlandesa abriron unha investigación por unha suposta "infracción das normas de pesca" cometida polo palangreiro galego 'Punta Candieira', apreixado este luns a uns 175 quilómetros da costa do suroeste da illa.
Tentan determinar se o pasado venres o pesqueiro, con base no porto de Celeiro, estaba a faenar en augas da baía de Bantry (no condado de Cork), dentro do límite de 12 millas (19,31 quilómetros) no que só poden traballar barcos de bandeira irlandesa.
A Autoridade para a Protección da Pesca Marítima (SFPA, nas súas siglas en inglés) e a Mariña irlandesa confirmaron que ese día "xurdiu un incidente" nunha zona da baía "entre o 'Punta Candieira' e o 'Lours De Mers'", unha embarcación local.
"O Servizo Naval dirixiuse ao lugar para recompilar información. A Mariña peiteou a zona en busca de aparellos de pesca, pero non atopou nada", asegurou un voceiro militar.
Actitude "agresiva"
Os medios locais publicaron un vídeo gravado polo patrón do arrastreiro "Lours De Mers", Kieran Sheehan, no que lle pide ao pesqueiro galego que se manteña "afastado" e advírtelle que está a pescar dentro do límite das 12 millas.
En declaracións ao medio dixital Afloat, especializado en asuntos marítimos, Sheehan cualificou de "agresiva" a actitude do pesqueiro galego e asegurou que a tripulación se desfixo dos aparellos de pesca para abandonar a zona antes da chegada da Mariña.
"Posibles infraccións das normas de pesca"
O Servizo Naval irlandés indicou que o venres "recibiu varias chamadas" de denuncia respecto ao "suposto incidente" ocorrido entre os dous barcos. Por esta razón, levou a cabo unha análise dos "datos de seguimento de satélite" para detectar "posibles infraccións das normas de pesca".
A patrulleira da Mariña 'LÉ Róisín' apresou o 'Punta Candieira' este luns nun caladoiro situado ao sur do cabo de Mizen, a unhas 95 millas (175 quilómetros) da costa do condado de Cork.
Escoltado ata o porto de Cobh, ao leste de Cork, permanece atracado e "retido" desde o martes, mentres as autoridades xudiciais e policiais investigan o asunto.