CRTVG

Buscar

O PSOE recúa no Congreso tras apoiar a derrogación da reforma laboral

Publicado o 02/07/2020 08:49

O PSOE deu marcha atrás e logrou volver votar no Congreso unha votación na que, nun primeiro momento, apoiara incluír a derrogación da reforma laboral de 2012 como parte das propostas para a reconstrución económica e social tras o coronavirus. A proposta de EH-Bildu, PSOE e Unidas Podemos apoiaran incluíla nas propostas que este mércores vota o grupo dedicado á reactivación económica dentro desta Comisión de Reconstrución.

Con todo, unha hora máis tarde, o PSOE pediu á coordinadora da comisión, a deputada socialista María Luz Martínez-Seijo, repetir esta votación, para o que contou co apoio do PP.  Simancas lembrou que os grupos acordaron que "a proposta de grupos parlamentarios que representen a maioría parlamentaria poderase revisar a votación dun tema xa debatido e votado" e, apostilou, neste caso solicitábano PSOE e PP.

Continúan as negociacións

Os partidos políticos continúan negociando un texto común de conclusións da comisión de reconstrución do país tras o coronavirus, na que se achegaron posicións en materia de sanidade e UE, mentres persisten as discrepancias nas medidas económicas e educación.

A oposición non acepta que as axudas dedicadas a educación se destinen unicamente á pública, tal e como se expón no borrador de conclusións pactado entre o PSOE e Unidas Podemos, e esixen que se estendan tamén á concertada. É "un grande erro que atenta directamente contra a liberdade de elección das familias", dixo o líder do PP, Pablo Casado, nun acto electoral en Vitoria, en que subliñou que "a educación pública é a pública e a pública concertada".

Tamén a representante de Ciudadanos, Sara Giménez, criticou a proposta do Executivo porque, na súa opinión, está baseada no "sectarismo" e fixo un chamamento ao consenso e á igualdade de oportunidades deixando a unha lado a "estigmatización". Ao remate da xornada de votación e debate dos catro grupos que forman a comisión, o encargado da reactivación económica aprobou unhas conclusións provisionais promovidas por PSOE e UP, co apoio de Ciudadanos e o voto en contra do PP, e entre as críticas de case todos os partidos pola vaguidade do documento.

O texto, aprobado con 165 votos a favor, 113 en contra e dez abstencións, fala de recuperar dereitos laborais, sen aludir á derrogación da reforma laboral de 2012, ou de garantir unha fiscalidade xusta e redistributiva con maior achega de quen máis ten, pero sen incluír o imposto ás grandes fortunas reclamado polas formacións de esquerda.

Pola súa banda, o grupo de traballo de Sanidade e Saúde Pública aprobou un texto por 165 votos a favor, 27 en contra e 89 abstencións, entre elas, as dos deputados do PP, aínda que a súa portavoz, Ana Pastor, anunciou que manterán vivas as emendas que foron rexeitadas co obxectivo de seguir negociando para chegar a un acordo antes do venres.

O documento sobre Europa saíu adiante por ampla maioría, aínda que os populares se abstiveron.

O venres volverá haber unha oportunidade para que se incorporen as emendas que quedaron vivas e varíe a posición final das forzas políticas. Ciudadanos xa avanzara que ía apoiar as conclusións de tres grupos de traballo: o de sanidade, o de reactivación económica e o da UE.

Segundo o partido de Inés Arrimadas, o Goberno aceptou máis de 20 das súas propostas, entre as que se inclúe a de estudar a creación dun corpo sanitario de reserva que poida ser mobilizado de maneira rápida para intervir puntualmente como reforzo en todo tipo de emerxencias. No grupo da UE, o Goberno tamén se comprometeu, de acordo coa formación laranxa, a establecer un espazo turístico único europeo, a "Marca Europa", con protocolos de seguridade comúns para asegurar a non discriminación entre territorios e unha apertura coordinada de fronteiras ao exterior.

Ademais, Cs asegura que conseguiu que se redacte un Pacto de Estado contra o Despoboamento e un acordo para elevar a Bruxelas a creación dun Corpo Europeo de Emerxencias, seguindo o modelo da UME española. No grupo de reactivación económica da Comisión, Cidadáns conseguiu apoio á súa proposta de flexibilizar os ERTE, regular o teletraballo, reforzar os dereitos dos autónomos, fomentar o emprendemento e elaborar un plan integral de reactivación do sector primario.

Polo que respecta ao PP, continúan as negociacións co Goberno aínda que con posturas aínda distanciadas. Na votación do grupo de Sanidade aprobouse unha emenda dos populares para a creación dunha "Reserva Estratéxica de Produtos Sanitarios Críticos", en coordinación co sector tecnolóxico, ante futuras emerxencias de saúde pública ou novas ondas epidémicas.

En materia económica, un dos escollos para os populares pode ser o imposto ás grandes fortunas proposto por Más País e ERC, que Podemos tamén apoia. Entre os nacionalistas, o PNV xa avanzou que non apoiará ningún dos textos pola súa "visión recentralizadora". Votará en contra de todos, segundo sinala nun comunicado, porque non respectan as competencias das comunidades autónomas e porque moitas das medidas propostas son "unha mera declaración de intencións" para a que non se estableceu o financiamento necesario, precisa nun comunicado.

As negociacións seguirán, en principio ata este venres, cando está previsto que se reúna a Comisión de Reconstrución para aprobar un ditame conxunto que, na segunda quincena de xullo, se someterá a votación no pleno do Congreso. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, resaltou a importancia dos acordos que están a fraguar nesa comisión en diversos ámbitos e recalcou que o Goberno vai seguir traballando coa mesma actitude. Durante o acto de apertura da fronteira con Portugal, Sánchez declarou que todo o mundo debe ser consciente de que, desde a unidade, será máis fácil relanzar a economía canto antes e de maneira aínda máis vigorosa.

 

Noticias web

02/07/2020