O PSOE rectifica o seu programa para incluír referencias ao federalismo
Nin referencias á reforma federal nin a plurinacionalidade figuraban no borrador de programa que os socialistas fixeron circular este martes entre os seus baróns. Unha chamada do líder do PSC, Miquel Iceta, propiciou 24 horas despois a rectificación a tempo para incluila no documento definitivo. Unidas Podemos acusa aos socialistas de xogar a dúas bandas.
Irene Montero, voceira de Unidas Podemos, cre que "as incoherencias nesta cuestión do Partido Socialista son evidentes e creo que se deben a un interese electoralista. En función de onde queren pescar votos utilizan un discurso ou o seu contrario".
O líder de Ciudadanos, Albert Rivera, di que as receitas de Iceta supoñen aceptar a chantaxe dos secesionistas. Pablo Casado acusa a Sánchez de recuperar a axenda de Zapatero.
Pablo Casado, presidente do PP, pregúntase: "Tanto manda Iceta como para que o candidato do Partido Socialista diga que quere a plurinacionalidade? Oia, isto da plurinacionalidade non existe en ningún país da nosa contorna europea. Só o escoitei en Bolivia".
O candidato socialista quítalle ferro á modificación e atribúe a polémica a que o PSOE é un partido demasiado transparente.
Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, responde: "Cal é o problema? Que se filtrou un programa electoral que non estaba rematado. Claro que imos incorporar a declaración de Granada e a de Barcelona no texto programático".
Sánchez estivo esta tarde en Viladecans, onde foi recibido entre as protestas do grupo independentista Pícnic por la República.