CRTVG

Buscar

O PSOE promete que seguirá negociando con Podemos ata o "último minuto"

Publicado o 23/07/2019 12:48

• Carmen Calvo confirma que aceptaron darlle unha vicepresidencia a Irene Montero

• Os socialistas convocan a súa Executiva en vésperas da segunda votación 

A vicepresidenta do Goberno en funcións, Carmen Calvo, asegurou este martes que o PSOE vai seguir negociando ata o "último minuto" antes da última votación de investidura, e recalcou que o seu partido non lle ofreceu a Pablo Iglesias políticas "decorativas".

Calvo confirmou que os socialistas manteñen a súa última oferta a Unidas Podemos, que segundo dixo é "respectuosa" coas reclamacións dese partido e "respectable" para os perfís políticos dos seus dirixentes.

E asegurou que ao seu partido lle sorprendeu moito o discurso de onte de Iglesias, que colocaba nunha "posición máis complicada a negociación". A pesar diso, insistiu na vontade de seguir negociando e prometeu que o seu partido non se vai levantar da mesa en ningún momento.

Tras reprocharlle a Iglesias que onte desvelara detalles da negociación, Calvo non quixo confirmar ningún extremo da proposta dos socialistas a Unidas Podemos, porque defendeu que ese traballo se faga de forma discreta e prudente.

Si confirmou, a preguntas dos xornalistas sobre se se puxo sobre a mesa unha vicepresidencia social, que o seu partido aceptou a petición de colocar unha persoa de Unidas Podemos nun "rango importante" do Executivo. Esa vicepresidencia sería para Irene Montero. Carmen Calvo en todo momento rexeitou a idea de que o que o PSOE lle ofreceu fosen ministerios ou competencias "decorativas", como onte suxeriu Iglesias. 

O PSOE convoca a súa Executiva na véspera da votación de investidura

O PSOE convocou para mañá mércores ás 10:30 a súa Executiva Federal, que se vai reunir na véspera da segunda e decisiva votación para a investidura do candidato socialista Pedro Sánchez. A reunión producirase nn momento en Podemos espara unha nova proposta do PSOE para desencallar as negociacións para conformar un Goberno de coalición.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí