CRTVG

Buscar

O PSOE pídelle a Ciudadanos que non insufle aire á ultradereita

Publicado o 27/05/2019 21:17

A executiva do PSOE cre que onte os españois avalaron o xiro social do Goberno Sánchez coa súa vitoria en 10 autonomías, un terzo dos concellos e semellante porcentaxe nas europeas.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE, di que "o Partido Socialista volve impoñerse e consolídase como o proxecto político claramente preferido polos españois"

Os socialistas non renuncian a gobernar nin sequera alí onde o pacto de esquerdas é insuficiente. Ábalos citou expresamente Madrid ou Castela e León, e chamou a Ciudadanos a reconsiderar a súa estratexia para frear a involución democrática que, ao seu entender, suporía a entrada de Vox nos gobernos. Din que o resto de liberais europeos non o entendería.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE, pídelle "que non insufle aire a VOX nas institucións, que non se converta na chave que dea acceso á ultradereita aos gobernos locais ou autonómicos. O Partido Socialista non dá por perdido nada, vaino pelexar todo para que prevaleza a vontade maioritaria dos cidadáns".

Os socialistas crearon un comité de coordinación de pactos que tutelará o abano de posibles alianzas que se abre a partir de agora.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/05/2019