CRTVG

Buscar

O PSOE non desbota a investidura coa abstención dos independentistas

Publicado o 13/06/2019 09:49

O PSOE non desbota contar cos independentistas para investir a Pedro Sánchez. Tampouco se pecha a aceptar os ministerios que demanda Podemos. Tras o inicio das negociacións cos partidos minoritarios, o secretario de Organización socialista, José Luis Ábalos, detecta máis vontade de construír que de obstruír un futuro goberno.

Os rexionalistas cántabros danlle a Pedro Sánchez o seu primeiro si. 

José María Mazón, do Partido Rexionalista Cántabro, anuncia "o noso voto favorable á investidura de Pedro Sánchez".

Compromís aínda non o fai, pero augura unha investidura en segunda volta en xullo.

Joan Baldoví, de  Compromís, admite: "Voume coa sensación de que antes de agosto estará todo claro"

Con quen non poderá contar o PSOE é con Coalición Canaria se, ao mesmo tempo, o fai con Podemos.

Ana Oramas, de Coalición Canaria, reitera: "Non contemplamos en ningún caso nas sesións de investidura nin o si nin a abstención".

O PNV díxolles aos socialistas que, de momento, non teñen os seus 6 votos. UPN ofrece os 2 seus para impedir que o futuro goberno dependa dos independentistas, pero mudará de opinión se o PSOE se apoia neles en Navarra.

Carlos García Adanero, de Navarra Suma, di que nese caso "sería negativo o voto. Loxicamente, non podemos deixar que o goberno de Navarra estea presidido por unha socialista co apoio de Bildu e aquí estar colaborando con ese Partido Socialista".

Con este panorama, José Luis Ábalos non desbota unha investidura apoiada nos partidos cataláns.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE: "Incluídos os 350 deputados, que nos merecen todos a mesma consideración".

E alenta as esperanzas de que Pedro Sánchez acepte ministros de Podemos.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE, asegura que "un ten que contar con aqueles que queren colaborar e ten que renunciar, aínda que sexa á forza, ante aqueles que non só non queren colaborar senón que dixeron claramente que van complicar as cousas".

Este xoves, o PSOE falará con Esquerra e Junts Per Cataluña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2019