CRTVG

Buscar

O PSOE gaña as eleccións europeas en España

Publicado o 27/05/2019 13:23

O Partido Socialista gaña as eleccións europeas en España. Faino 15 anos despois, de novo, con Josep Borrel á cabeza. Vox entra no parlamento e o Partido Popular baixa ata os doce escanos.

O PSOE obtén vinte escanos, seis máis ca nos anteriores comicios europeos, coa lista encabezada por Josep Borrell, arrebatándolle así o liderado ao Partido Popular. A porcentaxe de apoio aos socialistas é algo superior á obtida nas xerais do mes pasado e Borrell atribúelle esta vitoria á tradición profundamente europeísta da formación.

Os populares baixan catro escanos, quedando con doce, e con Dolors Montserrat reivindicando o seu equipo como o líder indiscutible do centrodereita español. Con todo, Ciudadanos queda moi preto, pasando duns modestos dous escanos aos sete de agora. A formación laranxa obtén un eurodeputado máis que Unidas Podemos.

A gran novidade desta cita electoral é Vox, que manda tres representantes a Europa.

Os líderes independentistas cataláns Junqueras e Puigdemont foron en cadansúa candidatura, e se ben a lista do ex-president lle gañou á de Esquerra en Cataluña, consegue dous eurodeputados, mentres que a coalición Agora Repúblicas, onde tamén está o BNG, acada tres. Finalmente, Izaskun Bilbao, do PNV, revalida o seu escano dentro da marca Coalición por una Europa Solidaria, siglas baixo as que se presentou tamén Compromiso por Galicia.

 

Noticias web

27/05/2019