CRTVG

Buscar

Sánchez vence e escoita a militancia: "Con Rivera, non"

Publicado o 29/04/2019 10:25

Despois de once anos sen gañar unhas xerais, o PSOE recupera a hexemonía da esquerda da man de Pedro Sánchez. Logra o 28% dos sufraxios e 123 escanos, que é exactamente o numero de deputados que suman PP e Ciudadanos. Unha diferenza moi folgada que lle permitirá formar goberno.

Narbona, Ábalos, Lastra e a vicepresidenta Carmen Calvo -cun lema feminista na camiseta que non pasou desapercibido- abriron paso en Ferraz ao presidente do Goberno. Acompañado da súa muller, Begoña Gómez, Sánchez prometeu avanzar en xustiza social, convivencia, rexeneración e limpeza e practicamente desde o comezo escoitou un berro unánime da militancia pedíndonlle que non pacte con Ciudadanos.

Sánchez eloxiu a madurez democrática duna sociedade que participou masivamente nas eleccións para, dixo, defender dereitos e liberdades: "Tamén enviamos unha mensaxe clara, nítida, rotunda ao conxunto de españois e españolas, a Europa e ao mundo de que se pode gañar á reacción, ao autoritarismo e á involución con propostas progresistas".

O secretario xeral dos socialistas prometeu gobernar para todos e desde a súa posición progresista, dixo, tenderá a man a todas as forzas políticas.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "Xa escoitei ("Con Rivera, non"), pero mirade unha cousa: nós non imos facer como eles que poñen cordóns sanitarios ao PSOE, nós non imos poñer cordóns sanitarios, a única condición que imos poñer é respectar a Constitución española e avanzar cara á xustiza social, cara á convivencia e cara á limpeza política".

Reivindicou o presente e o futuro dun partido con 140 anos de historia, e dixo que fomarará un goberno proeuropeo centrado en fortalecer e non debilitar Europa.

"Fixemos posible que pasase. Imos construír esa España que queremos. Grazas de corazón", rematou.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/04/2019