CRTVG

Buscar

PSOE e Unidas Podemos pactan conxelar o alugueiro en zonas tensionadas

Publicado o 16/06/2021 14:56
PSOE e Unidas Podemos pactan conxelar o alugueiro en zonas tensionadas

O PSOE e Unidas Podemos alcanzaron un acordo para despregar, no marco da nova Lei de vivenda estatal, un sistema de regulamentación pública dos prezos do alugueiro para frear as subas abusivas.

Segundo Unidas Podemos, o PSOE cedeu á súa proposta e aceptou "por primeira vez" este procedemento, fronte ao modelo de incentivos fiscais que propoñían os socialistas.

Fontes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana recalcan que o seu proxecto se sustenta na "conxelación" de contratos en zonas tensionadas polo que a formulación que está sobre a mesa é a súa.

Entenden que a formación violeta aceptou o modelo de incentivos a propietarios que baixen prezos, que incluía o borrador do texto, máis o complemento do sistema de conxelación de rendas en zonas de mercado tensionadas.

O regulamento do alugueiro era o aspecto principal que mantiña encalladas as conversas entre ambos os dous socios de coalición, aspecto agora desbloqueado ao acordárense este sistema de control de prezos.

Con todo, fontes socialistas especificaron que o sistema "non permitiría baixadas dos prezos do alugueiro", tal e como recolle o acordo orzamentario entre ambas as dúas formacións, "nin daría cobertura" á lei catalá de vivenda, a primeira en regular os prezos do alugueiro en España, e que está a lograr importantes resultados en Barcelona e outros municipios.

Ademais, os equipos negociadores continúan traballando "intensamente" para lograr un acordo, posto que os "máis de catro meses de atraso son xa inxustificables ante a emerxencia habitacional que vive o país", subliñan dende Unidas Podemos.

Declaración de zonas tensionadas

Este mércores, o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, aseguraba no Congreso que a nova Lei de vivenda buscará "controlar as subas abusivas nos prezos do alugueiro". Segundo dixo, a partir da declaración de zonas tensionadas limitaranse os incrementos de prezo "tratando de conxelar eses alugueiros".

Todo iso sen "disuadir" a oferta e a partir de medidas que está a estudar o Ministerio de Transportes. Entre elas, falou do alongamento de contratos e de incentivos fiscais.

Noticias web

16/06/2021