O PSOE e o PNV asinan o acordo para o apoio á investidura
O xefe do Executivo en funcións e líder do PSOE, Pedro Sánchez, e o presidente do PNV, Andoni Ortuzar, asinaron este luns no Congreso dos Deputados o pacto polo que os nacionalistas vascos apoian a investidura do candidato socialista. A firma tivo lugar nunha sala da zona de Goberno da Cámara Baixa.
Sánchez e Ortuzar saudáronse ante os medios, despois asinaron de pé. Tras saudar aos seus colaboradores abandonaron esta sala que non tiña máis decoración que a mesa sobre a que asinaron o acordo. Non houbo ningún tipo de declaración pública, aínda que Ortuzar vai comparecer ante os medios de comunicación.
No acto estiveron presentes, por parte do PSOE, José Luis Ábalos, Adriana Lastra e Rafael Simancas.
Por parte do PNV acompañou a Ortuzar o portavoz deste partido no Congreso, Aitor Esteban.
O acordo asinado entre o PSOE e o PNV polo que os nacionalistas votarán a favor da investidura de Pedro Sánchez, prevé impulsar as "modificacións legais necesarias" para o recoñecemento das identidades territoriais e atopar unha solución ao contencioso de Cataluña e a adecuación do novo Estatuto vasco.
O texto recolle ademais a vontade de ambas as partes de manter unha "comunicación fluída" co Goberno vasco para evitar a "xudicialización das discrepancias, que debe ser substituída polo acordo político".
Tamén inclúe a reivindicación de Euskadi de proceder en 2020 á negociación e traspaso a esa comunidade das competencias estatuarias pendentes.