O PSOE e ERC chocan á conta da data de investidura
Cando parecía que o acordo entre o PSOE e Esquerra Republicana estaba máis cerca todo volveu complicarse por unhas declaracións de José Luis Ábalos. O secretario de Organización do PSOE, e membro do equipo negociador, afirmaba nunha entrevista que o pacto está case listo, e que Esquerra renuncia á vía unilateral.
José Luis Ábalos, PSOE: "Si, eu estou convencido de que si. Estamos intercambiando papeis para concluír no acordo final".
Desde Esquerra, desménteno.
Marta Vilalta, ERC: "Esquerra nunca renunciará a ningunha vía democrática para conseguir a república catalá".
E advírtenlle ao PSOE que están complicando as posibilidades de chegar a un acordo para investidura.
Marta Vilalta, ERC: "O que están conseguindo a través da chantaxe e da presión pública é afastar cada vez máis ese acordo".
Así e todo, desde o PSOE manteñen que se pode facer a investidura antes de que acabe 2019, e alentan a opción de que a votación poida ser o día 30 de decembro.