CRTVG

Buscar

O PSOE intentará gobernar en solitario con apoios puntuais

Publicado o 29/04/2019 21:14

José Luis Ábalos insinúa que poderiamos ter que agardar ata despois das municipais, autonómicas e europeas do vindeiro día 26 para saber a fórmula pola que vai apostar o futuro executivo. Foi despois dunha Comisión Executiva Federal que recibiu a Pedro Sánchez cunha ovación.

Os socialistas din que non se pechan a falar con ninguén. Cren que o resultado de onte avala a súa xestión dos últimos meses e desacredita, segundo o seu secretario de Organización, a estratexia de radicalidade dos partidos da dereita. Sobre un eventual pacto con Ciudadanos, Ábalos di que non o contemplan, porque a súa prioridade é aplicar políticas progresistas. E aínda que non desbota a coalición con Unidas Podemos, insinúa que a opción de gobernar en solitario é a preferida pola dirección socialista.

Din no PSOE que gobernarán coas súas forzas e dialogando con todos. Aseguran que estes resultados, 123 escanos, lles permiten catro anos de estabilidade pactando as medidas que precisa España, din, con todas as forzas políticas que se queiran sumar. Cren, ademais, que hai tempo para falar de pactos.  E poñen unha liñas vermellas: respecto á Constitución, políticas de esquerdas e avances en xustiza social.

Satisfacción palpable no PSOE con 123 escanos, maioría absoluta no Senado e distintas posibilidades para pactar. Con Unidas Podemos, e mesmo sumando o PNV, non chegan á maioría absoluta e precisan doutras forzas, polo menos a súa abstención. Con quen superan dabondo a maioría do Congreso é con Ciudadanos, pero terán en fronte a militancia, como lles lembraron en plena noite electoral: "Con Rivera, non"

Di que dialogarán con todos coa única condición do respecto á Constitución e o avance en medidas sociais.

Despois de once anos, o PSOE volve ser o primeiro partido de España.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/04/2019