CRTVG

Buscar

O PSOE di que a condena dos ERE non afecta nin o Goberno nin a dirección do partido

Publicado o 19/11/2019 20:50

O secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, afirma que o caso dos eres non é un caso do PSOE. Di que se depuraron responsabilidades aínda que recoñece, a sentenza é dura. 

"Non nos pode deixar indiferentes porque afecta persoas que no seu día tiveron responsabilidades institucionais e orgánicas no PSOE. Pero estamos falamos de feitos sucedidos entre 2000 e 2009, evidentemente este goberno e esta dirección política non estaban".

O resto de partidos piden que se asuman responsabilidades. Desde Ciudadanos esixen a dimisión de Pedro Sánchez.

"Estamos ante o caso de corrupción máis importante da historia de España e atrévome a dicir que tamén de Europa", asegura Juan Marín, líder de Ciudadanos en Andalucía.

A coordinadora de Podemos en Andalucía, Teresa Rodríguez, reclámalle ao PSOE que devolva os cartos.

"O PSOE de Andalucía é un partido cargado de corrupción, que sobreviviu 40 anos no poder facendo trampas".

Desde Vox poñen tamén no foco algúns membros do Goberno en funcións: "Poderán ser reprochados desde o punto de vista político algúns membros do actual Goberno en funcións como Carmen Calvo e Luis Planas".

O Partido Popular tamén pediu a dimisión de Pedro Sánchez. Teodoro García Egea e pregúntalle ao presidente do Goberno en funcións se vai presentar unha moción contra el mesmo ante este caso de corrupción.

"Cre que cando é o PSOE o condenado non cabe moción e cando son outros si. Un dos pactos do PSOE e Pablo Iglesias é a loita contra a corrupción. Que teñen que dicir eses señores que se deron un abrazo e que hoxe calan ante a maior sentenza coñecida?".

A sentenza dos eres coñécese en plenas negociacións para conformar novo goberno, e as reaccións nas redes sociais van nesa liña. Pablo Iglesias, o líder de Unidas Podemos, recalca que España cambiou e non volverá tolerar a corrupción. 

Santiago Abascal, desde Vox, asegura que a sentenza de hoxe debería ter como resposta o illamento do partido máis corrupto de Europa. E recórdalle a Iglesias o que dixo no pasado cando pediu unha moción de censura contra Rajoy. Tamén dá a súa opinión o ex-presidente de Ciudadanos, Albert Rivera, que lle pide a Pedro Sánchez que dimita. Desde o PP, Pablo Casado dille a Sánchez que sexa coherente e asuma responsabilidades ante o que cualifica como maior caso de corrupción do país. 

Hai que agardar a reacción de Pedro Sánchez, que, no pasado dixo sempre que confiaba na inocencia e na honestidade de Chaves e Griñán.

O actual presidente da Junta de Andalucía, o popular Juan Manuel Moreno, fixo unha declaración institucional nada máis coñecerse a sentenza. Gaba o traballo da xustiza ao tempo que denuncia o dano que lles fixo ás institucións andaluzas este caso de corrupción.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/11/2019