CRTVG

Buscar

O PSOE denuncia a Vox ante a Fiscalía por incitar ao odio a través de Twitter

Publicado o 16/04/2020 18:05
O PSOE denuncia a Vox ante a Fiscalía por incitar ao odio a través de Twitter

O PSOE presentou ante a Fiscalía Xeral do Estado unha denuncia por varios chíos de Vox publicados entre o 18 de xaneiro e o 7 abril por entender os socialistas que incorren nunha "manifesta e reiterada incitación ao odio" e "lesionan tanto a honra da organización como do Goberno". No primeiro destes chíos, denunciado e publicado o 18 de xaneiro, a organización de Santiago Abascal entraba no debate sobre o control parental nestes termos: "O que non soportamos é que vos metades na nosa casa e nos digades como temos que educar os nosos fillos. E menos aínda que con diñeiro público promovades a pederastia".

O contido desta mensaxe levou a Twitter a suspender catro días despois a conta oficial do partido co argumento de que emitira mensaxes que incitan ao "odio". Agora ante a Fiscalía, o PSOE entende que estes chíos, e os publicados o 2, 6 e 7 de abril, poden supoñer unha comisión dos delitos de inxurias e calumnias, recollido nos artigos 205 e 206 do Código penal pero, ademais, "pola súa gravidade e o seu obxecto poden dar lugar a súa consideración como delitos de odio".

En abril, Vox situouse no medio da polémica por publicar en Twitter unha foto da Gran Vía de Madrid manipulada dixitalmente para mostrala chea de cadaleitos, suxerindo que o Goberno ocultaba aos cidadáns a dimensión da traxedia do coronavirus. Para o PSOE esa foto era unha "manipulación malintencionada" que buscaba "crear na cidadanía unha sensación de inseguridade, medo e desconfianza, alterando para iso a xa afectada tranquilidade dos cidadáns como consecuencia da pandemia e coa única motivación de atentar contra a honra do Goberno e provocar unha reacción en contra deste".

Na denuncia ante a Fiscalía, os socialistas tamén aluden a ataques de Vox na Rede, dirixidos especialmente a representantes do PSOE nas institucións, especialmente no Goberno da nación e as Cortes, e contra a portavoz parlamentaria socialista, Adriana Lastra. Por iso, o PSOE argumenta ante a Fiscalía que "ninguén, nin tan sequera unha formación política, se pode amparar na liberdade de expresión manifestada a través da crítica política para cometer delitos".

Noticias web

16/04/2020