CRTVG

Buscar

O PSOE de Lugo elixe este sábado o seu secretario, con Patricia Otero e o alcalde de Castroverde como aspirantes

Publicado o 20/07/2019 09:17
O PSOE de Lugo elixe este sábado o seu secretario, con Patricia Otero e o alcalde de Castroverde como aspirantes

O Partido Socialista de Lugo elixirá este sábado o seu secretario provincial, cargo ao que aspiran a deputada autonómica Patricia Otero e o alcalde de Castroverde, José María Arias.   Os socialistas puxeron en marcha estas primarias internas despois da dimisión do que fora secretario xeral do PSOE de Lugo, Álvaro Santos, quen alegou diferenzas coa dirección do PSdeG. Tanto Patricia Otero como José María Arias, que xa concorreron ás primarias que gañou Santos, postuláronse para este cargo nun proceso que culminará coa celebración dun congreso provincial o próximo 27 de xullo.   Un día antes de que teñan lugar as votacións, a deputada autonómica do PSdeG Patricia Otero propuxo ao alcalde de Castroverde (Lugo), José María Arias, integrarse no seu proxecto para dirixir o PSOE provincial de Lugo cunha vicesecretaría xeral por considerar que é "un valor importante" para o partido.   Pola súa banda, o alcalde de Castroverde (Lugo), José María Arias, rexeitou a proposta de Patricia Otero ao asegurar que non "vai participar" nun proxecto no que non cre. Con todo, por "lealdade ao partido", avanzou que se é a deputada autonómica a que "gaña" estará ao seu lado no comité provincial, pero non nunha "executiva dun proxecto" no que non cre.

O Partido Socialista activou as primarias após a dimisión de, Álvaro Santos, quen alegou diferenzas coa dirección do PSdeG. Precisamente, as desavinzas coa executiva galega que encabeza Gonzalo Caballero materializáronse nun conflito pola presidencia da Deputación de Lugo.   Así, mentres Santos apoiaba que o alcalde da Pontenova, Darío Campos, seguise á fronte da deputación; outros sectores do partido apoiaban para o posto ao alcalde de Monforte, José Tomé, quen finalmente se fixo co mando da institución provincial.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/07/2019