CRTVG

Buscar

O PSOE ameaza con repetir eleccións se non lle facilitan a investidura

Publicado o 10/06/2019 21:07

Na véspera de que Pedro Sánchez comece a buscar os apoios á súa investidura, Pablo Iglesias rebaixa esixencias. Mantén que Unidas Podemos debe estar no futuro goberno, pero non nos ministerios de estado. As súas prioridades son Traballo e Facenda.

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, di que "a nós o que nos interesa, e o que entendo que nos corresponde polo peso que temos, son carteiras que teñan que ver coa aplicación de dereitos sociais. Interésannos dous elementos fundamentais: que en España se acabe coa temporalidade e se protexan os dereitos dos traballadores e que en España haxa xustiza fiscal".

Pero o PSOE endurece a súa negativa. Cren que aceptar unha coalición con Podemos restaría outros apoios á investidura. E advirten do risco de repetir eleccións.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE, di que "a alternativa a un goberno socialista é obrigar a que os españois volvan votar. E non lles caiba ningunha dúbida de que as urnas tamén teñen memoria. Os españois non perdoarán a quen poña en solfa a viabilidade da lexislatura".

Ciudadanos e o PP despexan dúbidas sobre unha posible abstención. Os populares desautorizan ademais a Isabel Díaz Ayuso, a candidata a presidir a Comunidade de Madrid, que pola mañá deixara aberta esa porta.

Teodoro García Egea, secretario xeral do PP, di que "o Partido Popular non é un partido bisagra. O Partido Popular non só non vai facilitar a investidura de Pedro Sánchez, senón que imos dificultar a investidura de Pedro Sánchez".

José Manuel Villegas, secretario xeral de Ciudadanos, di que "en ningún caso vai contar co noso voto ou a nosa abstención"

O PSOE designou a Carmen Calvo, Adriana Lastra e José Luis Ábalos para encargarse das negociacións, que este martes abre o propio Pedro Sánchez con Pablo Iglesias, Albert Rivera e Pablo Casado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/06/2019