O PSOE aféalle a Ciudadanos que prefira pactar con Vox antes que con eles
Cristina Narbona repróchalle a Albert Rivera que priorice os pactos coa extrema dereita por temor a perder votos nese espazo. Nunha carta ao líder de Ciudadanos, a presidenta socialista dille que o seu partido mantén a man tendida para entendérense tras o 28-A. Pero Rivera non está por levantar o veto.
Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Para min non merece ningún respecto unha persoa que foi capaz de pactar cos que queren liquidar o meu país".
No PSOE aproveitan o desprezo para lanzar as redes ao electorado de Ciudadanos. José Luis Ábalos, secretariod e Organización do PSOE: "Ese elector, esa electora, ao Partido Socialista merécelle moitísimo respecto e imos tratar de que atopen unha oferta que se adecúe a esas expectativas. O señor Rivera, xa sabemos que se reduce a caerlle ben a VOX".
Ábalos ironizaba sobre a rápida caducidade da palabra de Rivera, lembrando o voto a favor da investidura de Sánchez en 2016. Aos dous llelo lembrou tamén Podemos. Noelia Vera, voceira adxunta de Podemos: "Xa se demostrou, e xa Pedro Sánchez experimentou na súa propia persoa os resultados diso: que son malos para as maiorías sociais".
Atres Media lanza a primeira oferta de debate electoral: convida as catro principais forzas e a VOX. No PSOE din que están abertos a todos os formatos. No PP dan prioridade a un cara a cara Casado-Sánchez.
Javier Maroto, vicesecretario de Organización do PP: "Un dos dous será o vindeiro presidente do Goberno de España. Polo tanto, descartamos a posibilidade de que non haxa un cara a cara. O que advirto é que aí é onde temos agora centrada a atención. Dicir isto é compatible con outros debates nun formato diferente".
No PP están sorprendidos pola fichaxe por Ciudadanos da ata hai 4 días presidenta popular das Cortes de Castela e León. O partido laranxa tamén presentará este martes como candidato polas Baleares a Joan Mesquida, ex-militante socialista e ex-director xeral da Garda Civil no Goberno de Zapatero.