O PSOE abre contactos con outras forzas tras pactar con Podemos
Tras o acordo Psoe-Podemos, toca concretar a coalición, e os partidos comezan a negociar. Todo apunta a que Pablo Iglesias levaría unha das tres vicepresidencias que tería ese executivo, ademais doutros tres ministerios para Podemos.
Adriana Lastra e Irene Montero foron as encargadas de redactar o preacordo que acabaron asinando os líderes do PSOE e de Podemos. Un decálogo recollido en dous folios cheos de xeneralidades para contentar a uns e outros, e que se someterá á votación da militancia socialista o 23 de novembro. Trátase de liñas mestras que os asinantes din que concretarán tras a investidura. Retoman a proposta que abandonaron en xullo e levantan os vetos.
Pablo Iglesias ocuparía unha vicepresidencia, de carácter social, mentres que Nadia Calviño asumiría outra económica, segundo apalabrou Sánchez en campaña. Podería haber incluso unha terceira, política, con Carmen Calvo á fronte. Ademais, a Podemos corresponderíanlle, en proporción aos escanos, outros tres ministerios. Toca agora negociar carteiras, competencias e nomes propios, e xa empezan a soar algúns, entre eles, o da galega Yolanda Díaz ou a propia Irene Montero.