CRTVG

Buscar

O PSOE abandona o pleno do Senado en que Sánchez ía explicar a xuntanza con Torra

Publicado o 24/01/2019 19:59

Polémica no Senado polo pleno extraordinario celebrado esta tarde para que Pedro Sánchez explicara o contido da súa reunión con Torra o mes pasado. O PSOE e os partidos independentistas abandonaron os seus escanos para protestar porque o PP mantivo a convocatoria sabendo que Sánchez non ía acudir ao estar no cumio de Davos. Os populares din que cumpren co seu deber, e denuncian que, para a súa idea, non hai un problema de axenda, senon unha vontade clara de ocultar as negociacións do Goberno cos independentistas.

Nada máis comezar o pleno, os senadores de Esquerra Republicana abandonárono como protesta. Despois, un a un, todos os grupos lle reprocharon ao PP que o mantivera coa ausencia de Sánchez. Con todo, Ciudadanos defendeu que o presidente ten que dar explicacións nalgún momento. Lorena Roldán, Ciudadanos, "señor Sánchez, se pactou cos nacionalistas indultos, impunidade, ou acabar coa igualdade de todos os españois, que teña algo de decencia, que veña aquí explicalo"

Unidos Podemos defendeu o diálogo entre o Goberno e a Generalitat. Os independentistas do PDdeCat pedíronlle a Sánchez coraxe e valentía para negociar.  Josep Lluis Claries, PDdeCat, "o Estado español non pode seguir ignorando unha solución política a Cataluña". Ramón Espinar, Unidos Podemos, "cada vez que Cataluña latexa España é moito máis forte, e para iso temos que falar"

O PSOE non entrou no tema de Cataluña. Centrou o seu discurso en criticar o que uso, din, partidista que o PP fai do Senado. Ander Gil, PSOE: "Os socialistas non imos consentir que converta esta institución nunha cloaca onde moverse como peixe na auga señor Cosidó. Eso é o Senado de España e non o seu gabinete de crise"

Os socialistas pediron a dimisión do portavoz do PP, e abandonaron o pleno durante a súa intervención. Ignacio Cosidó, PP: "Non son vostedes os que se tiñan que levantar hoxe de aquí, o que se tiña que levantar era Pedro Sánchez cando Torra lle deu aquel documento con peticións absolutamente inaceptables"

O PP esíxelle ao Goberno que rompa as negociacións cos independentistas, e pídelle que aplique o artigo 155 de inmediato.

Noticias web

24/01/2019