CRTVG

Buscar

O PSdeG pide máis fondos para os concellos e unha rede de escolas infantís que cubra a demanda

Publicado o 11/05/2021 14:46

O secretario xeral do PSdeG pidelle á Xunta que apoie con máis fondos os concellos galegos que están a xestionar unha parte importante das medidas de loita contra a covid.

Gonzalo Caballero di que o reparto debe ser equitativo e, con este obxectivo, anunciou a presentación este mércores dunha proposición non de lei no Parlamento.

Nunha visita ao municipio de Guitiriz, o líder dos socialistas galegos tamén reclamou a posta en marcha dunha rede de escolas infantís na Comunidade Autónoma que "realmente" sexa capaz de satisfacer a demanda das familias con menores de tres anos.

En declaracións aos medios de comunicación, lembrou que neste momento “hai máis de 2.000 nenos que piden praza nas escolas infantís de Galicia, pero non teñen sitio para o ano que vén”. Segundo dixo, “é hora de que a Xunta de Galicia se comprometa coa natalidade” e coa conciliación da vida laboral e familiar.

Caballero puxo como exemplo o municipio de Guitiriz, onde asegura que a administración autonómica non está "a cumprir coas súas competencias" nesta materia. No concello, precisou, hai "arredor dun cento de menores con idades comprendidas entre 0 e 3 anos", pero o único servizo ao dispor dos pais é "un punto de atención municipal".

Noticias web

11/05/2021