CRTVG

Buscar

O PSdeG pide o traspaso de 30 competencias e o BNG, "estatus de nación"

Publicado o 06/04/2021 14:35

O PSdeG, coincidindo coa conmemoración dos 40 anos da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, ratificou a súa defenda dun autogoberno "forte". O grupo socialista vai presentar na cámara lexislativa unha proposta para reclamar o traspaso dunha trintena de competencias ao Goberno autonómico.

Entre outras, pedirá asumir a xestión en materias como tráfico, inspección de traballo, catastro, dominio público terrestre ou na execución das normas de seguridade privada.

Nun acto simbólico ante o Hostal dos Reis Católicos, Gonzalo Caballero reivindicou o "galeguismo inclusivo" do texto estatutario fronte a aqueles que propoñan "a autodeterminación, o separatismo ou o independentismo como vía para construír unha Galicia máis forte".

O secretario xeral do PSdeG criticou a "inacción" de Alberto Núñez Feijóo logo dunha década de Goberno, ao non asumir "nin unha soa nova competencia". Porén, asegurou que os socialistas queren continuar na senda iniciada coa petición de transferencia da AP-9 que, grazas ao Goberno central, permitirá "rebaixas históricas" no custo das autoestradas ata que chegue o traspaso.

Os socialistas galegos defenden o Estatuto, pero apostan por "crear unha nova versión" axeitada aos tempos cando chegue o momento e remate a pandemia. Segundo Xoaquín Fernández Leiceaga, presidente do PSdeG, en todo caso a reforma precisaría dun "consenso que hoxe non existe". Por iso, insistiu, mentres tanto hai tentar aumentar o marco competencial.

"Recoñecemento como nación" 

Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, comparou o Estatuto de Autonomía cun "traxe que quedou pequeno" para Galicia e reclamou un novo "estatus político" que recoñeza que Galicia é "unha nación".

Nun acto no Pazo de Fonseca, a líder nacionalista propuxo que, unha vez superada a pandemia, se abra un "debate sereno" no Parlamento para que Galicia non quede "relegada como nación histórica" cando "Euskadi e Cataluña avanzan nesta dirección".

O recoñecemento como nación é, en opinión de Pontón, necesario para que Galicia se sitúe "á vangarda das nación prósperas e xustas", tras "doce anos de seca" en que o Goberno de Feijóo minguou o autogoberno. Neste sentido, lamenta que non asumira nin sequera as competencias que lle permite o texto estatutario actual.

Ana Pontón dixo que o BNG quere un novo estatuto político para Galicia que a recoñeza como nación e "avanzar cara a unha relación co Estado de tipo confederal". Deste xeito, pensa que será posible rematar co sometemento a "un poder delegado ou tutelado".

Con todo, considera que urxe de xeito inmediato abrir a transferencia de todas as competencias pendentes, porque "o mínimo é cumprir o Estatuto tras 40 anos".

"Non é o momento" da reforma

O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, rexeitou a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia formulado polos grupos da oposición porque “non é o momento” e non responde ao “sentir maioritario” da poboación galega.

Nunha conferencia de prensa tras a reunión da Xunta de Portavoces, recriminoulle ao BNG e ao PSdeG que usaran a data para formular reivindicacións deste tipo, en lugar de convertela nun “motivo de unión e celebración conxunta”.

Pedro Puy admitiu a existencia dalgunha carencia no texto, pero asegurou que o ambiente político non aconsella a súa reforma “visto o visto” noutras comunidades, en referencia a Cataluña.

Tras amosar a súa satisfacción co Estatuto actual, considerou que o intento de reforma do ano 2007 non foi "un fracaso propio da comunidade", xa que en ningunha autonomía se logrou un acordo entre as distintas forzas e os nacionalistas. Ademais, en Galicia dixo que “era imposible satisfacer a congruencia coa Constitución e as demandas do BNG".