CRTVG

Buscar

O PSdeG aproba as listas das autonómicas con algunhas emendas aos militantes

Publicado o 27/02/2020 23:20
O PSdeG aproba as listas das autonómicas con algunhas emendas aos militantes

O comité nacional do PSdeG aproba as candidaturas para as eleccións ao Parlamento. A dirección socialista modifica algunhas das suxestións das executivas provinciais, previa consulta coa militancia, aínda que esas propostas non son vinculantes. 

A primeira controversia chega desde Ourense. Noela Blanco, que encabezou a candidatura nas anteriores eleccions autonómicas, agora queda fóra da lista. A executiva provincial de Ourense tampouco a propuxo, e iso que Blanco foi a que obtivo máis votos dos militantes na asemblea local de Ourense para ir nas listas. Nun comunicado publicado nas redes sociais, Blanco di que acata a decisión e que entende que a mensaxe é que debe apartarse da actividade pública na campaña.

Agora, na lista ourensá ocupará o primeiro posto a deputada no Congreso Marina Ortega, seguida polo senador Juan Carlos Francisco. Na candidatura de Pontevedra, que encabeza Gonzalo Caballero e en cuxo número dous se mantén María Isaura Abelairas, pasa a ocupar o terceiro posto a pontevedresa Paloma Castro. A dirección do PSdeG modifica a proposta da executiva provincial e inclúe a xornalista Noela Otero en postos de saída.

Tamén introduce cambios na candidatura de Lugo, ao incluír o catedrático Manuel Marey. A lista estará encabezada por Patricia Otero.

Na candidatura da Coruña, os principais cambios responden á entrada do ferrolán Bruno Díaz Doce, que ocupara o número cinco, e á introdución da socialista Pilar Muiños como número seis. O deputado no Congreso Pablo Arangüena ocupará o número un.

As candidaturas serán definitivas este venres cando Ferraz dea o visto e prace.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/02/2020