CRTVG

Buscar

O PSdeG acusa a Xunta de incumprir o convenio da Sinfónica de Galicia

Publicado o 06/08/2021 15:43

O vicesecretario xeral socialista tivo palabras duras para o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, do que dixo que "veu tomarlle o pelo á cidadanía", despois da firma esta semana de dous convenios co Concello da Coruña por valor de 3,5 millóns de euros para a Orquestra Sinfónica de Galicia. O socialista tachou este acordo como "falso", xa que segundo expresou a Xunta "segue incumprindo o convenio asinado en 2004 no que achegarían como mínimo 3 millóns de euros anuais".

Lembrou que a Xunta non achega 3,5 millóns, senón que é de 2,7 millóns a achega ordinaria que xa viña realizando e a iso súmaselle un convenio de 0,8 millóns polo Xacobeo, como tamén explicou o conselleiro de Cultura tras a firma. O vicesecretario do PSdeG lembrou que a Xunta "debe máis de 5 millóns de euros", polo que deixou de pagar cando Feijóo chegou á presidencia.

Para Arangüena, é "inaudito" que unha Administración pública "incumpra unilateralmente o que lle dá a gana", en referencia ao convenio asinado en 2004 por Fraga.

Noticias web

06/08/2021