CRTVG

Buscar

O PSC gañaría en votos en Cataluña e ERC en escanos, segundo a enquisa de GAD-3

Publicado o 14/02/2021 20:10

O PSC gañou as eleccións autonómicas catalás cun 24,5 % dos votos, segundo a enquisa de GAD-3 para FORTA, aínda que non sería a forza con maior número de escanos no novo Parlamento catalán. Os socialistas obterían entre 34 e 36 escanos, fronte aos 36, 37 ou 38 que lograría Esquerra Republicana de Cataluña, que sería a principal forza na cámara. Así pois, o socialista Salvador Illa gañaría en votos, o PSC duplicaría a súa representación, pero o republicano Pere Aragonès gañaría en escanos. Recordemos que nas anteriores eleccións ERC obtivera 32 escanos. 

En terceira posición estaría Junts per Cat. A formación do expresidente Carles Puigdemont obtería o 20,5% dos sufraxios e entre 30 e 33 deputados. Nas eleccións anteriores logrou 34 escanos. 

A cuarta forza sería En Comú Podem. A marca de Podemos en Cataluña tería o 6 por cento dos votos e entre 6 e 7 escanos, e polo tanto perdería 1 ou 2 representantes.

A quinta forza en número de votos sería Vox, que irrompería na cámara catalá cun 5,9 % dos sufraxios e entre 6 e 7 deputados tamén. En sexto lugar estarían as CUP, cun 5,4 % votos e 7 escanos. A enquisa de GAD-3 augura que case duplicará a súa representación, dado que nas eleccións de 2017 tiña 4 deputados.

A continuación estaría Ciudadanos, que pasaría de ser o vencedor dos comicios anteriores a quedar en sétima posición, cun 5,3 % dos votos e 6 ou 7 escanos. En 2017 tiña 36. Estariamos ante unha auténtica desfeita da formación laranxa en Cataluña.

O PP estaría despois, con entre 4 ou 5 escanos e unha porcentaxe de voto do 2,5 %. É dicir, que mantén os 4 escanos que tiña ou mesmo tería a opción de gañar un quinto deputado, pero sería a oitava forza da cámara.

Quedaría por ver se entra no Parlamento o PDeCAT. Esta escisión de Junts per Cat obtería un 2,5 % dos votos e entre 0 e 2 escanos.

A maioría absoluta no Parlamento está en 68 escanos. A suma de ERC e Junts estaría rozando esa cifra. Na opción máis optimista para estas dúas formacións, nin sequera precisarían do apoio das CUP, coma na lexislatura previa. Tamén sería posible unha suma entre PSC e ERC, que daría entre 70 e 74 escanos, pero Esquerra subscribiu un documento antes das eleccións polo que se comprometeu a non pactar cos socialistas.