O PSC celebra o triunfo e tentará formar goberno
O PSC gaña as eleccións, pero non consegue minar o poder do independentismo. Marcos Sueiro, que seguiu de preto as eleccións catalanas dende Barcelona, asegura que os socialistas celebran o triunfo cunha visible satisfacción, tras obter 33 escanos e máis votos que ERC.
Segundo relata, Miquel Iceta, primeiro secretario do partido, dixo que non se conseguían estes resultados dende os tempos do expresidente Pascual Maragall e que o candidato Illa se amosaba emocionado. A dirección do PSC xa tomou a decisión de se presentar á investidura.
Porén, os 33 escanos non son suficientes para formar goberno. Tampouco chega cos obtidos por En Comú Podem. A candidata desta formación xa anunciou que sería partidaria dunha fórmula que inclúa a PSC e ERC, pero os independentistas non están dispostos a converter a Salvador Illa en presidente.
Hoxe, o PSC, nunha executiva nacional, valora os resultados.