O proxecto Iuvia crea servidores de uso particular para desfacer a nube e asegurar a privacidade dos nosos datos
Cando navegamos por Internet, cando realizamos buscas, subimos fotos e documentos ou reaccionamos nas redes sociais estamos deixando a nosa pegada. Xeramos un valioso rastro de datos.
"O que fan cos nosos datos é xerar o perfil das persoas que están mercado un produto ou realizando unha determiada actividade. Ao final están comerciando e comerciando coa nosa atención a curto prazo e co noso comportamento a longo prazo", explica Santiago Saavedra, enxeñeiro informático do proxecto.
A nube virtual non é etérea, non é un universo inofensivo. A nube son millóns de servidores aloxados en centros de datos xigantestos que comparten a información de millóns de persoas. O proxecto Iuvia quere desfacer a nube a través de servidores de uso particular. Sofía Prósper especifica que se trata dun servidor "que permite ter copias de seguridade da información do teléfono móbil ou do ordenador e outros servizos como correo electrónico, calendario, contactos... cousas que agora mesmo ofrece por exemplo Google". Cada persoa é "soberana dos seus datos e dos seus servizos".
O servidor de Iuvia permitirá, ademais, descargar aplicacións de software libre. Buscan financiamento para que chegue ao mercado o próximo ano. A súa páxina web inclúe un blog e unha serie de podcasts para xerar conciencia sobre a privacidade dixital.