O Goberno agarda aprobar os presupostos cos votos que permitiron a investidura
Unidas Podemos saca peito do acordo co PSOE para os presupostos xerais. Cre que o pacto en materia de vivenda "vai facilitar poder conseguir os votos de ERC, EH Bildu e do resto da maioría plurinacional que sostén ao Goberno. Para a ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, "os avances que logrou Unidas Podemos nesta negociación vano poñer máis doado para que dean os números".
Pero quen se sentará con eles a negociar é o ministro socialista de Presidencia. Para Félix Bolaños "ERC terá unhas prioridades, uns investimentos, e quererá que haxa algunhas partidas que se reforcen".
Hoxe tamén escoitamos a patronal falar dos presupostos. A CEOE critica as contas presentadas polo Goberno porque considera que aumentan os impostos sobre o aforro e as empresas. Nun comunicado, arremeten contra a suba ao 15 % do imposto de sociedades e os cambios no plans de pensións.
Opinión contraria teñen os sindicatos. Para Pepe Álvarez, secretario xeral de UXT, "a música soa ben" e cre os presupostos que van permitir "ampliar o gasto social e reforzar os servizos públicos".
Aínda que mirarán con lupa, di Álvarez, a suba dos soldos dos funcionarios.